Preséntase a plataforma de poxas virtual Lonxanarede

martes, 24 de decembro do 2013 Redacción

Os días pasados púxose en marcha unha ferramenta a ter moi en conta: a primeira plataforma virtual de venda de polbo en Galicia. No proxecto Lonxanarede, que foi presentado este luns en Fisterra, participan seis confrarías da Costa da Morte e Muros-Noia. Con este novo servizo en liña, que se ofrece en galego e castelán, prevese aumentar o número de compradores, mellorar os prezos que acada este produto nas lonxas tradicionais e achegalo en definitiva ao consumidor de todo o territorio estatal.
As poxas diarias do polbo poderán facerse a calquera dos produtores das seis confrarías participantes. Para esta iniciativa, creouse a agrupación de interese económico Fisterra Sur Pesca, que vai xestionar a plataforma de vendas. A plataforma online, que estará operativa a mediados de xaneiro, tamén disporá dunha aplicación para o móbil. Nela, os compradores poderán coñecer a oferta do produto dispoñible en cada lonxa e confirmar os seus pedidos.
A iniciativa vén da man do Grupo de Acción Costeira Fisterra-Ría de Muros e Noia, GAC 4. A ferramenta encamíñase polo tanto a promover unha mellor organización e transparencia na xestión da venda. O polbo que se porá á venda a través dela procede das confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros, O Pindo e Porto do Son. A través dela poténciase o papel das confrarías implicadas na cadea de distribución e ábrese o produto a novos clientes potenciais.

PUBLICIDADE